viernes, 28 de octubre de 2016 1 comentarios

Os pecados capitais do ciclista urbano

Wikimedia. Paris 1896.
"Os pecados capitais son unha clasificación de vicios mencionadas nas primeiras ensinanzas do cristianismo, para educar aos seus seguidores na moral Cristian" wikipedia

Na nosa cultura ciclista ou mellor dito, na cultura dos usuarios da bicicleta (non vaia a ser que se nos enfaden os deportistas profesionais) o pecado capital ciclista é unha sorte de accións que nos poñen en perigo a nós mesmos, pero que moitas veces úsanse como arma na famosa guerra Ciclista - Cochista que chea os foros e as redes sociais de bilis e malas palabras.

Na cultura Cristian, ou mellor dito, na adaptación do ollo por ollo do Antigo Testamento as faltas debían ter a súa vinganza e no caso da seguridade do tráfico hai quen pide a morte do infractor. Polo tanto permitide un pouco de malicia ao redactor na elección do nome do artigo.



As sete peores cousas que poden facer os ciclistas urbanos.


1) Cruzar os pasos de peóns montados na bicicleta.

Pode parecer un acto carente de perigo pero é das situacións que mais risco ten. Os vehículos que  circulan pola calzada non contan con que un ciclista vaia usar un paso de peóns para cruzar polo que non poden prever esta situación. A parte, a gran maioría dos pasos de peóns contan cunha visibilidade adecuada para permitir cruzar a unha velocidade baixa pero as bicicletas duplican ou triplican a velocidade dun peón con facilidade polo que o tempo que ten o automóbil para frear nesa situación é moi baixo. O golpe, a parte, é lateral polo que se pode terminar debaixo das rodas do vehículo a motor.


2) Non parar co semáforo en vermello.

Cando o semáforo está en vermello a prioridade de paso é para outro vehículo ou peón polo que ao incumprir esa prioridade é sinxelo ser vítima dun accidente. É un acto moi visible, moitas veces parece carente de perigo pola baixa velocidade do tráfico pero incluso así algún condutor non atento a esa anomalía pode atropelar a un ciclista sen ter culpa algunha como se ve nas imaxes.


3) Non usar o centro do carril ou pegarse ás portas.
 
Un accidente típico para os ciclistas é chocar cunha porta cando alguén a abre irregularmente. Ao ir pegados aos vehículos estacionados se abren unha porta non temos case opción de esquivala. Por iso sempre se recomenda deixar coma mínimo medio metro cos vehículos estacionados e en cidade estar cerca do centro do carril. A parte, con isto conséguese diminuír o número de adiantamentos perigosos que sufrimos dos automóbiles, non hai que esquecer que nas vías cun único carril non se pode adiantar unha bicicleta de forma legal xa que non existe espazo para deixar 1.5m de distancia lateral mínima entre o coche e a bicicleta. Sempre é mellor que te piten a que te atropelen.

4) Circular por dirección prohibida.

Na nosa cidade non temos ningún contramán sinalizado polo tanto non están permitidos. As rúas teñen un deseño para facelas nunha dirección. Ao non existir sinalización de a contra man ciclista o automóbil non pode prever esta situación polo que é perigoso. Nisto estase a traballar para adaptar Pontevedra ao modelo Francés, que na zoa 30 fan pasos a contramán sinalizados para facilitar os itinerarios ciclistas.

5) Usar auriculares. 

 
Ir pola calzada xunto aos coches non é tan seguro como ir camiñando por unha beirarrúa. Na calzada precisamos todos os nosos sentidos para atender a un entorno complicado polo que inhibirse do tráfico usando auriculares non é boa idea.




6) Ir pola noite sen ningún elemento que permita ser vistos. 

 
Os coches precisan un gran espazo para adaptarse a presencia dos ciclistas, hai que recordar que a 60km/h percorremos 16.67 metros nun segundo, a veces parece que se nos esquece isto, por iso é importante ser visible a 150 metros en estrada e a 75 metros en zona urbana. Non  podes comprar unhas luces que nin a 10 metros se ven e pretender non ter un susto ou algo peor. Se a isto lle sumamos que o cumprimento dos límites de velocidade é unha materia pendente para gran parte dos automobilistas temos os ingredientes de moitas das traxedias que se dan no asfalto.


 

7) Alcohol e drogas. 
 
Existe a falsa crenza que os usuarios de dúas rodas sen motor son inmunes as sancións de tráfico. Isto é totalmente falso pero estendeuse tanto que algúns bebedores nocturnos están a coller a bicicleta para esquivar os controis de alcoholemia. En Madrid os controis a persoas que usaban unha bici pola noite daban un 30% de positivos en alcohol. Se temos que escoller, mellor un ciclista borracho que un automobilista borracho, pero é un erro moi grande para a saúde propia, xa nolo dicía Stevie Wonder alá nos 90. Se bebes non conduzas, nin catro nin dúas rodas.



Hai quen usa estes "pecados" habituais entre unha parte dos usuarios da bicicleta para tratar de parar a verdadeira batalla que é a loita contra os sinistros de tráfico. Esgrimen o seguinte argumento, como os ciclistas o facedes mal non protestedes, non cambiemos o status quo, non vixiemos, non fagamos nada... Facédevos unha idea da forma de pensar deste grupo. A guerra de ciclistas contra automobilistas non existe desde que a inmensa maioría dos que usamos unha bicicleta tamén temos un coche e polo tanto unha licencia de conducir,  ti e máis eu somos ciclista e automobilista a vez, esta guerra é unha cortina de fume para tapar a loita real que é entre os que queren un uso razoable da calzada que compatibilice os diferentes medios de desprazamento e poder abrirlle a porta a mobilidade en bicicleta e a pé. Para abrir esa porta existe un requisito primario, a seguridade, ninguén se vai a subir a unha bicicleta se percibe que a súa vida está en perigo igual que ninguén (aquí sempre hai tolos ou inconscientes) cruza unha autoestrada chea de coches pasando a 120km/h polo mesmo
Na nosa loita temos un gran aliado, o regulamento de circulación que aínda que precisa moitas melloras protexe ao usuario vulnerable polo que  pedir o seu cumprimento por todos é a máis importante batalla que temos por diante. É capital conseguir facerlle entender a cidadanía que un morto é unha traxedia perfectamente evitable, que o regulamento de circulación son as normas de convivencia básicas na estrada e que cando te sancionan é unha forma máis de educación vial. Un día falaremos de mellorar isto das multas pero en ningún sitio do mundo se eliminaron, se melloraron facéndoas progresivas a renda e ao nivel de risco causado pero é un debate de menor importancia que o real.
Os mortos son evitables, só o 3% dos sinistros teñen un compoñente alleo ao ser humano e a súa conduta ao volante, podemos ter  mobilidade en bicicleta, coche e a pé se conseguimos mellorar a seguridade e iso pasa por cumprir o regulamento de circulación.
 

miércoles, 26 de octubre de 2016 0 comentarios

65 Masa Crítica

Ola a tod@s, unha vez máis este xoves 27 voltaremos a xuntarnos ás 20:00 na praza da Peregrina para dar unha volta polas rúas de Pontevedra.

Así que xa sabedes se queredes dar unha voltiña en bici e boa compaña, achegádevos á Masa Critica.

Un saúdo a tod@s!!!

domingo, 23 de octubre de 2016 0 comentarios

A Policia Local de Pontevedra precisa un Radar.

Recreación de Accidente. Xornada de Cero Violencia Viaria!!

A Policía Local de Pontevedra precisa un Radar.

Esta entrada seguramente vai ser a máis polémica deste blog, polo que se di, polo que se pretende conseguir, pero sobre todo porque como sociedade temos asumidas certas condutas como liberdades individuais que afectan a seguridade de todos.

Anuncio: Pedaladas acaba de solicitar vía rexistro ao Concello de Pontevedra a adquisición dun Radar.

Esta petición, agora oficializada por rexistro, leva dous anos enriba da Mesa da Bicicleta de forma extra oficial. Tamén foi feita en diversas reunións co Intendente da Policía Local. A petición de Pedaladas sempre foi a mesma, a Policía Local ten que ter capacidade de sanción para os condutores que non respectan os límites, o primeiro por seguridade de peóns, ciclistas e persoas con diversidade funcional, segundo porque non lle podemos pedir aos ciclistas que usen a calzada se a zona 30 non é efectiva e terceiro por xustiza social cos condutores que si cumpren escrupulosamente as normas e se ven acosados polos que queren circular por riba dos límites.

Pedagoxía, fai falta moita pedagoxía para explicar esta petición.

Imaxino que agora mesmo haberá moitos enfados, incluídos algúns dos nosos seguidores que non queren que a Policía Local conte con esta ferramenta pola posibilidade de que eles mesmos poidan recibir unha sanción de 100€, 200€ ou ata 500€ por non respectar un límite de velocidade que en determinadas rúas costa moito cumprir. O límite 30km/h non é sinxelo nalgunhas rúas.

Que é unha zoa 30 e a súa importancia.

O Concello de Pontevedra a día de hoxe é completamente unha zoa 30 por un acordo plenario que foi unánime. Non foi unha medida arbitraria senón que débese a criterios técnicos e que xunto con moitas medidas na infraestrutura levaron a cidade de Pontevedra a recibir un premio de seguridade viaria.
A velocidade limitada a 30km/h é un garante de que no caso de que alguén cometa un erro as consecuencias para a saúde non sexan irremediables.

O corpo humano ten unha resistencia ao impacto moi limitada e a velocidade é determinante nas consecuencias físicas que ten un accidente.
  • A 80km/h é practicamente imposible sobrevivir a un atropelo. 
  • A 50km/h só sobreviven o 55% dos peóns e ciclistas.
  • A 30km/h sobrevive o 95% dos peóns e ciclistas.
O borrador do regulamento de circulación copia gran parte das medidas levadas a termo en Pontevedra e converte a maioría de rúas en zona 30 para garantir que en caso de sinistro non teñamos un morto senón un ferido.

Como se fai efectiva a limitación de 30km/h

Av Corbaceiras
Existe numerosa información técnica para facer un calmado do tráfico que reduza os accidentes e que aproxime a velocidade real do  tráfico ao límite de velocidade establecido.
Na Av. das Corbaceiras tedes algúns destes elementos, están presentes as rotondas, os "lombos", a vexetación que reduce a visibilidade e tamén o estreitamento de carrís.
Estes elementos xuntos fan que o que era unha "autovía" alá polos 90 agora sexa un lugar moito máis seguro que permite incluso quitar parte dos semáforos.
Pero estes elementos só está a funcionar para unha parte dos condutores, aqueles máis respectuosos cos límites e que fixeron a reflexión lóxica de que acelerar para frear en cada lombo non ten moito sentido se podes ir a 30km/h e chegar ao mesmo tempo que o que vai acelerando e freando en cada lombo. Os aforadores constatan que sobre o lombo non se circula de media moito máis rápido que a 30km/h pero entre lombo e lombo parécese máis a un lugar limitado a 50km/h co risco conseguinte para os ciclistas.

O límite 30km/h se esta a cumprir?

O que nos din os aforadores da Policía Local é que isto vai por barrios, ou mellor dito por rúas. A presencia de lombos non sempre funciona, na Av. das Corbacieras detectáronse vehículos a 76km/h. Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Domingo Fontán, Av de Lugo... son rúas con limitación 30km/h onde a media de velocidade dos vehículos supera ese limite e por riba temos vehículos que duplican esa limitación co conseguinte risco de falecemento para peóns e ciclistas en caso de accidente.

O radar que se solicita. Lixeiro, pequeno e útil nas rúas.

Este é o radar que están a mercan os concellos das grandes cidades e que púxose en marcha no País Vasco. É un dispositivo lixeiro, o poden usar os motoristas e permite montar un operativo nun minuto polo que esquiva as aplicacións sociais e grupos do whatsapp que os infractores usan para non cumprir as normas de tráfico.
O custo do dispositivo era de 25.000 pero a DXT comprou 60 unidades por 16.000€/ud fai pouco. O dispositivo ten capacidade para detectar excesos de velocidade a 1000 metros e cun factor de erro de 2km/h. Vamos, que asustar asusta bastante. Pero ese é o principal obxectivo de esta medida,  que os infractores teñan  un pouco de medo e asuman circular con calma por onde podemos atopar a nenos, ciclistas, persoas maiores que non teñen culpa de nada pero que pagan moi caros os seus erros e os dos condutores.

Non son accidentes son sinistros.

Homenaxe Cristobal e Manuel
Un accidente é un suceso inevitable por definición e os sinistros de tráfico son sucesos que teñen uns compoñentes que os fan previsibles e polo tanto evitables.
En Pontevedra tivemos nos últimos anos 3 ciclistas falecidos (por iso están as tres bicicletas brancas na Av. de Marín) e o ano 2015 houbo 24 ciclistas feridos dentro do Concello.
En 2015 morreu un rapaz que volvía a pé para a súa casa na Av. de Uruguay e o condutor ía borracho e con exceso de velocidade nun lugar onde existen lombos.
A asociación Pedaladas sufriu catro atropelos graves dende 2006 e os asociados non cometeron ningún erro. O seu pecado foi usar unha bicicleta e cruzarse cun condutor imprudente que non cumpriu as normas de tráfico o cal levounos a un hospital e ter meses de recuperación por diante. Isto non se amaña cunha indemnización, amáñase mellorando a seguridade e conseguindo que todo o mundo cumpra as normas de tráfico, incluídos os limites 30.

Non é por nós, é por todos esa petición de Radar. A velocidade mata.



Alguén pensa que existe afán de recadación dentro dos peóns e ciclistas que piden moderación aos condutores? alguén pensa que non temos coche? alguén pensa que é seguro para estes nenos ir fora da masa cunha bicicleta?
Pois por iso pídese un radar, para mellorar a seguridade de todos facendo que os que non cumpran queden sen puntos e deixen só conducir aos bos condutores. Saber conducir implica querer cumprir as normas e ir atento a velocidade, conducir por costume non é ser bo condutor.

Non queremos facer outra Marcha Homenaxe a un compañeiro ou compañeira atropelado por alguén con demasiada presa, non queremos pasar medo ao saír coa nosa bicicleta e xa vai sendo hora de que a nosa parella non nos despida cun "Ten coidado" senón cun "Pásao ben".

martes, 18 de octubre de 2016 0 comentarios

II Xornada de Custodia do Territorio. Montes de Pontevedra

A Fundación Biodiversidade, xunto coa Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Pedaladas, a Asociación Pola defensa da Ría e Decathlón España, organizan este domingo 30 unha xornada no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños co fin de destacar os valores do monte, coñecer as especies autóctonas, identificar as invasoras e retirar aquelas que sexa posible.

A xornada iniciaráse cun itinerario en bici, ás 9:30, dende a Estación de Tren de Pontevedra ata o lugar de A Armada, onde o vello campo de tiro da Brilat (Neste punto se poderán sumar as persoas que decidan facer só a ruta a pe) onde comenzará unha ruta a pe polo espazo natural.
Logo da andaina voltaremos ás bicis para desplazarnos á Casa do Monte de Salcedo, onde reporemos forzas con algúns petiscos. Finalmente voltaremos a pedalar ata a Estación de Tren de Pontevedra, onde remataremos a xornada entorno ás 14 horas.

A inscripción é gratuita e obligatoria e podedes realizala nos teléfonos 986 85 14 24, 629 87 31 72 ou no  correo: montespontevedra@mundo-r.com

Animádevos a participar e coñecer o noso entorno. Achegádevos á natureza e á biodivesidade!!


viernes, 14 de octubre de 2016 0 comentarios

Os falecidos na provincia de Pontevedra aumentan un 30,3%


Xa temos o anuario da DXT do ano 2015 unha vez que se sumaron aos datos da DXT os informes das vías urbanas que facilitan os concellos con competencias de tráfico.

Os datos do 2015 en España de falecidos e feridos seguen nunha senda negativa que veñen do 2013, os indicadores de falecidos seguen a empeorar rompendo unha racha de redución de vítimas, falecidos, feridos graves e feridos leves..

Neste artigo ímonos a concentrar na nosa provincia, Pontevedra, que é unha das peores a nivel nacional no que se refire a accidentes e falecidos.


Falecidos Pontevedra 2013 2014 2015 % 15/14
Interurbanas 24 24 34 41,67%
Urbanas 7 9 9 0,00%
Total 31 33 43 30,30%

O aumento dos falecidos na Provincia de Pontevedra estase a consolidar como esta a pasar a nivel nacional xa que aumentaron os falecidos en 2014 e en 2015. O aumento dun 30,3% no número de falecidos na provincia é moi superior ao que esta a pasar a nivel nacional o cal nos fai pensar que algo non esta a saír ben nas políticas de seguranza viaria, sobre todo nas vías interurbanas que é onde máis creceron os falecidos.


Hospitalizados Pontevedra 2013 2014 2015 %15/14
Interurbanas 156 195 179 -8,21%
Urbanas 71 88 96 9,09%
Total 227 283 273 -3,53%


Os datos de feridos graves son mellores pero empeoran en vías urbanas 9,09%. Hai que recordar aínda non se aprobou o novo regulamento de circulación que pretende mellorar a seguranza viaria nestas nas vías urbanas adoptando moitas medidas que se fixeron na Cidade de Pontevedra. O borrador do regulamento contempla medidas de calmado de tráfico, regular a plataforma única, establecer a limitación 30km/h en moitas rúas e melloras sobre todo para peóns e ciclistas.


Feridos Leves Pontevedra 2013 2014 2015 %15/14
Interurbana 2179 2019 1731 -14,26%
Urbana 274 536 1171 118,47%
Total 2453 2555 2902 13,58%

Os datos de feridos leves na Provincia de Pontevedra son moi preocupantes. Case poderiamos dicir que é unha anomalía estadística. En vías urbanas crecen un 118,47% e supoñemos que pódese deber a unha mellora na recolección dos datos que entregan os concellos. O aumento desde o 2013 non ten precedentes e imos preguntarlle a Xefa Provincial de tráfico por este extraordinario aumento de accidentes con feridos leves.

O 2015, un ano en positivo para os ciclistas.



Ciclistas Falecidos España 2013 2014 2015 %15/14


Interurbana 45 54 48 -11,11%
Urbana 24 21 10 -52,38%
Total 69 75 58 -22,67%

Cando se fala de falecidos dicir que 58 mortos é un bo ano non esta ben pero mirando que levabamos dende o 2011 aumentando o número de falecidos, hospitalizados e feridos leves esta redución do 22,67% dos falecidos é unha boa noticia.

Seguimos coas mesmas problemáticas de sempre, a maioría dos accidentes mortais están en vías Interurbanas a pesar de que o groso dos novos ciclistas están a circular polas cidades, isto é debido a velocidade no momento do impacto. O uso do casco nas vías Interurbanas e maioritario segundo os datos da DXT pero pola homologación do mesmo non é unha medida de seguranza tan efectiva como adaptar ás infraestruturas para un paso seguro dos ciclistas.

Hai que recordar que a homologación CE do casco dos ciclistas só garante a resistencia dun impacto a 25km/h polo que nos impactos a 50km/h só sobreviven o 55% dos ciclistas implicados e a 80km/h e practicamente imposible sobrevivir a un impacto ente un ciclista e un automóbil. Isto fainos totalmente dependentes das condutas e a velocidade dos automobilistas ao colectivo que vai sobre pedais.



Ciclistas Hospitalizados España 2013 2014 2015 %15/14
Interurbana 297 312 322 3,21%
Urbanas 349 358 330 -7,82%
Total 646 670 652 -2,69%

Os datos hospitalizados sobre dúas rodas teñen os mesmos compoñentes que no caso dos falecidos, unha redución no numero de hospitalizados moito máis importante nas cidades que nos tramos interurbanos. Aquí temos a mesma lección, os concellos están a facer grandes esforzos por facer un calmado do tráfico efectivo e isto redunda nunha mellora da seguranza viaria de todos, pero sobre todo nos máis débiles da cadea, os peóns e os ciclistas.
Pero nas estradas dependentes doutras administracións aínda non se están a tomar as medidas adecuadas como facer unha beiravía transitable, sinalizar as rutas con gran presencia de ciclistas, adaptar as velocidades ao uso real da vía e aumentar as medidas de control tanto mecánicas como presencial da DXT.


Ciclistas Feridos Leves España 2013 2014 2015 %15/14
Interurbana 1328 1722 1803 4,70%
Urbana 3451 4165 4470 7,32%
Total 4779 5887 6273 6,56%

Os datos de feridos leves revelan un segredo a voces, o numero de ciclistas nas nosas cidades esta a crecer en valores próximos ao 10% anual. Isto quere dicir que cada 4 anos estase a duplicar o numero de ciclistas habituais que atopamos nas nosas cidades, é un fenómeno que supón un reto para as administracións e para os condutores de vehículo a motor que non están afeitos a convivir con tal cantidade de usuarios de bicicleta.

Os usuarios de bicicleta xa están implicados en máis do 6% de tódolos accidentes de tráfico, un cifra moi elevada en comparación por exemplo con Holanda. Isto debese a falta de infraestrutura adaptada como son os carrís bici ou a zona 30. Unha vez máis chegan antes os usuarios que as administracións.

Existe o bulo de que os ciclistas están a incumprir a normativa de forma xeral o cal esta a propiciar este aumento da sinistralidade ciclista, isto mesmo tamén se escoita dos peóns atropelados pero non deixa de ser un bulo se o contrastamos cos datos do anuario da DXT.


Dato 2015: O 69,14% dos peóns vítimas dun sinistro de tránsito non cometeron infraccións.


Dato 2015: O 68,86% dos ciclistas vítimas dun sinistro de tránsito non cometeron infraccións.


Chama moito a atención cando un peón cruza fora do paso de peóns ou o ciclista non para nun semáforo pero os datos dos que dispón a DXT no seu anuario só lle imputan a responsabilidade ou parte dela ao 31% dos ciclistas e peóns que están involucrados nun sinistro. A percepción da cidadanía sen embargo é moi distinta, sobre todo no caso dos ciclistas, debido a certas condutas reprobables e perigosas dalgúns usuarios da bicicleta que circulan a gran velocidade polas beirarrúas, non paran nos semáforos ou non respectan as prioridades de paso nos cruces.

A pesar desta sensación colectiva de inseguridade, a bicicleta e un dos medios de transporte máis seguros para o seu condutor, en España hai 3,8 millóns de persoas (Barómetro da bicicleta) que a usan a diario e só 58 mortos neste 2015. Só temos constancia de que un ciclista se vira implicado na morte dun peón en 5 ocasións dende o ano 2001 e isto debese a pouca masa que ten o conxunto persoa mais bicicleta a diferenza dos 1000-1500kg que representa a mobilidade motorizada.

Nós solicitamos a Xefatura Provincial en Abril varias medidas pero non temos confirmación de que ningunha se levara a cabo, esperamos que se faga algo xa que un aumento do 41,67% dos falecidos nas estradas da súa competencia debe implicar medidas serias e contundentes. Seguimos facendo as mesmas peticións e volveremos a solicitar unha reunión coa Xefa Provincial de tráfico.

Na anterior estas foron as nosas peticións: