martes, 8 de agosto de 2017 0 comentarios

A reforma necesaria da Ponte da Barca


A reforma necesaria da Ponte da Barca e o reordenamento do tráfico en Echegarai e Alameda.

- O peche ao tráfico da rúa Alameda e Raíña Vitoria demostran que a Ponte das Correntes permite reformar  a Ponte da Barca.


O peche da rúa Raiña Vitoria e Alameda vai canalizar todo o trafico rodado a través da Ponte das Correntes e da ponte da AP-9. Todo o tráfico que atravesa a cidade entre Poio e Marín, Marín e Vilagacia, Vilagarcia a Vigo... sen ter un destino real en Pontevedra.

Estes tráficos son de paso, usan a cidade como atallo por aforrar un ou dous quilómetros dificultando o tráfico que si ten orixe ou destino en Pontevedra, o importante, o que si é preciso preservar, o tráfico que si é necesario.

Os concellos e a Xunta deben reformar dunha vez a Ponte da Barca. Sentido único motorizado, dobre para bicicletas e beirarrúas dignas.

Existe unha débeda histórica no que á mobilidade peonil refírese, é adaptar a ponte da Barca a lexislación vixente en termos de mobilidade e accesibilidade peonil. A orde do Ministerio de Vivenda 561/2010 establece que os itinerarios peonís terán como norma xeral un mínimo de 180cm de sección, un ancho que as beirarrúas da Ponte da Barca non cumpren e que dificultan o paso de peóns cada día do ano.  En termos de mobilidade en bicicleta o extremo da ponte en Poio é un problema cunha rotonda con mala visibilidade, e no extremo de Pontevedra obriga ao ciclista a entrar por Paseo de Colon en vez de permitir ir ao centro directamente. Así, os usuarios de bicicleta buscan escapatorias a estes problemas e terminan por usar unhas beirarrúas, xa de por si pequenas para os peóns, creando problemas de convivencia entre ciclistas e peóns.

O problema é moi sinxelo de solucionar, eliminar un carril e con ese espazo gañado aumentar ambas beirarrúas e deixar un paso para ciclistas a contrasentido do tráfico motorizado.
Dos catro metros do carril eliminado, cada beirarrúa gañaría metro e cincuenta centímetros e un metro quedaría para un carril bici contrasentido. Esta solución é barata, sinxela e soluciona a débeda histórica que ten Poio e Pontevedra coa mobilidade activa entre os dous municipios.

O Concello de Pontevedra debe reducir o tráfico de paso que circula por Echegarai e a Rúa Alameda.

Este peche polas festas, no momento do ano en que a cidade está totalmente tomada por turistas demostra que é posible cerrar unha das vías máis concorridas da cidade, Raiña Vitoria, e que todos seguimos chegando co coche a todos os lugares.
Existe unha sinal no principio da Rúa Alameda que di "Prohibido circular agás servizos" que miles de condutores de vehículo a motor se saltan cada día do ano, sen maiores consecuencias.  E non é que os condutores se vexan obrigados a facelo, existe a alternativa de circular pola Ponte da Correntes, pero por costume, polo GPS, ou por reducir o percorrido nunhas decenas de metros, miles de coches atravesan esta rúa afectando a calidade de vida dos veciños e ao tráfico con destino dentro da cidade.

O concello te unha solución sinxela, pode cambiar o sentido da Rúa Alameda, da Rúa Echegarai e a Rúa Alfonso XIII sen custo o cal eliminaría todo o tráfico de paso que vai á Ponte da Barca, que incumpre a sinalización vertical de prohibición, sen danar ao comercio, limitar a mobilidade dos veciños ou afectar negativamente á circulación dos vehículos que si teñen destino na cidade.

Esa alternativa de variar o circuíto viario fai que usar a alternativa de paso da Ponte das Correntes sexa máis atractiva para os condutores que usar a Ponte da Barca. O gran beneficio sería a  redución previsible da cantidade de vehículos que soporta a Ponte da Barca sentido Pontevedra-Poio  e así  quizás  a Xunta fora un pouco máis progresista no que se refire a eliminar un carril de circulación para mellorar a mobilidade peonil e ciclistas.